La tarde también existe

25 marzo 2006

Se ides por Santiago non deixedes de ir a esta exposición


A Fundación Torrente (rúa do Vilar 15. Santiago) acolle ata o 15 de abril a exposición: Persoal e Intransferíbel. se pasades por Santiago non deixedes de acudir e de comentar a vosa opinión ou ¿por que non? continuar o proxecto de Andrea con cinco fotos sobre ti. Deixovos unha foto de exemplo e mailo texto do libro.

PERSOAL E TRANSFERÍBEL

A velocidade na produción fainos individuos consumidores de satisfaccións instantáneas; os mediadores véndennos intimidade allea, comunicación, realidade... e nese medio perdemos contacto con aquilo que anhelamos verdadeiramente, mentres modelan as nosas preferencias e se cadra... a nosa identidade.
A vida non é sempre espectacular malia a promesa implícita na súa venda como espectáculo. A frustración logo da expectativa non cumprida resulta rendíbel para os que xeran e satisfán necesidades con soños. E así o espectador, enganchado e confuso, poucas veces se detén para cuestionarse se talvez a felicidade non estará noutro lado, se non podería ser unha creación persoal, unha elección que, como este proxecto, requira o esforzo de rexeitar miles de posibilidades sen dubidar dun mesmo.
A cámara foi o medio co que nove voluntarios tratamos de descifrar e almacenar os intres cotiáns que nos constitúen intimamente. Cadaquén os seus. Creamos a nosa propia representación, tratando situacións anódinas como se fosen esenciais. E fixémolo ao noso xeito, con máis ou menos axuda, chegando até onde queriamos amosar e motivados, algúns, por obriga familiar, outros por facer algo diferente ou por curiosidade... todos respondendo a unha petición tan estraña como sincera.
O que vedes é unha escusa: o produto concentrado dunha destilación subxectiva e implacábel, os restos dun experimento longo e pesado, pero tamén enriquecedor e emocionante. A mediación pouco inocente, empaquetada e consumíbel que queda dunha experiencia de comunicación que, por si mesma, sempre foi o verdadeiro proxecto.

Andrea Costas

mais fotografías